InicioM.ambiente e PatrimonioAcordo en Mondoñedo para expoñer a reforma da Praza da Catedral antes...

Acordo en Mondoñedo para expoñer a reforma da Praza da Catedral antes da súa aprobación definitiva

O PP aproba en solitario os orzamentos para 2020 ante as críticas do PSOE e do BNG polo gasto "en propaganda" e veta a retirada do imposto de plusvalía

Publicada o

- Advertisement -

O Pleno de Mondoñedo aprobou un acordo unánime para que o Concello expoña o proxecto de reforma da Praza da Catedral antes da súa aprobación definitiva, tal e como pedía o BNG.

Os nacionalistas entendían que “algo desta magnitude debe ser un plan de cidade e require que as decisións que se tomen deben responder ao resultado dun estudo pormenorizado para que logo as obras non causen danos imposibles de reparar”. Así, pediran ao Concello que “sexa transparente e que dea conta do proxecto para que a veciñanza e colectivos interesados poidan alegar ou achegar o que consideren necesario”, expuxo o concelleiro do Bloque, Eloi Cabanas.

“PLAN DE CIDADE”

No mes de outubro, o goberno local avanzou que a Dirección Xeral de Patrimonio informara favorablemente o expediente. Trátase dun paso máis para a proposta de remodelación do espazo, que tamén conta coa aprobación provisional do Ministerio de Fomento para incluír as actuacións, orzamentadas en case 400.000 euros, dentro das partidas do 1,5% cultural. Así, o Goberno central financiará o 75% das obras.

As actuacións promovidas polo goberno local inclúen a ampliación do Cantón Grande desprazando as escadas dous metros cara a Praza da Catedral e adiantar o muro norte 2,5 metros para habilitar un paseo superior. Ao mesmo tempo tamén se contempla o traslado dos taxis a outro lugar sen definir do entorno, eliminar os colectores do lixo da praza así como cortar esta ao tráfico.

Todos os grupos respaldaron a proposta. No mesmo mes de outubro, a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, prometera “consenso” para unha obra que tenta solventar que a praza “non cumpre os requisitos de accesibilidade por ningún lado”. Os problemas co saneamento, “moi antigo, o que provoca que cada vez que hai un evento necesitemos desatascar coa motobomba”, son outra dificultade, salientou a rexedora, ademais da convivencia entre a veciñanza e os turistas e o tráfico rodado, “porque danse situacións perigosas“.

AS CONTAS, FONTE DE POLÉMICA

No pleno aprobouse a proposta do executivo municipal de orzamentos para 2020, que ascende a 3,64 millóns de euros.

No capítulo de investimentos, segundo remarcou o goberno local, inclúense a renovación do alumeado público exterior do casco histórico de Mondoñedo, por importe de 172.767 euros, dos que o Concello aporta 34.553 euros, ou 64.684 euros de fondos municipais para o acondicionamento da Praza da Catedral. Igualmente, está prevista a execución do proxecto para a mellora da eficiencia e aforro de enerxía no alumeado ornamental da basílica, que ten un custo de 156.311 euros, dos que 125.049 euros serán financiados polo IDAE.

Os socialistas de Mondoñedo criticaron que Candia “segue apostando pola propaganda e a publicidade nos orzamentos do Concello, cun investimento de preto de 60.000 euros, unha contía que seguirá medrando ao longo de todo ano”, indicou a voceira dos socialistas, Esperanza González.

Este mesmo aspecto criticou o voceiro nacionalista, que cualificou as contas de “continuistas”, faltos de medidas aprobadas en pleno como “a liña de axudas para mercar material escolar ou para o transporte dedicada ás familias con dificultades”. Ademais, Cabanas quéixase de que “o sistema de reparto das axudas ás asociacións é pouco obxectivo” e defende “unha vía máis transparente e menos clientelar como son as subvencións en réxime de concorrencia competitiva”.

IMPOSTO DE PLUSVALÍA

PSdeG-PSOE e BNG tamén votaron a favor da retirada do imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza, que vetou o goberno popular. Os socialistas fixeron fincapé “nos graves problemas económicos que acarreou á veciñanza”.

Os nacionalistas, responsables da moción, lamentaron a “falta de vontade política” de Candia para derrogar o imposto.

PLAN DE PREVENCIÓN CONTRA INCENDIOS FORESTAIS

Nesta mesma sesión plenaria tamén se aprobou, só co voto do PP, o Plan Municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais do Concello de Mondoñedo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...